por
|
|

A vicepresidenta da asociación, Marisol Borrajo, e o membro da directiva Juan Luis Vázquez asistiron en representación de Ribeira Sacra Next ao encontro organizado polo INORDE en Seadur.
Ribeira Sacra Next participou o pasado 29 de outubro na segunda xuntanza do Grupo de Apoio Local do proxecto europeo POST (Turismo Policéntrico Sostible), celebrada na Cova dos Bidueiros, en Seadur, no concello de Larouco. A vicepresidenta, Marisol Borrajo, e o directivo Juan Luis Vázquez representaron a asociación nesta xornada, que reuniu entidades, asociacións, adegas, rutas do viño e empresas do sector turístico.

O encontro, organizado polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), centrouse na presentación e avaliación de ferramentas para avanzar cara a un turismo máis sostible e favorecer a chegada de visitantes aos territorios de interior. A iniciativa busca contribuír a unha distribución máis equilibrada da actividade turística, poñendo en valor o patrimonio e os recursos locais.

Durante a apertura, a xerente do INORDE, Emma González Diéguez, explicou os principais obxectivos do proxecto e o seu alcance para a provincia. A continuación, o equipo de expertos presentou un catálogo de 30 ferramentas de xestión e comunicación destinadas aos axentes turísticos, así como os resultados obtidos no proxecto piloto.
A xornada incluíu tamén un obradoiro práctico no que as persoas asistentes puideron probar estas ferramentas e avaliar a súa utilidade tanto para a xestión das empresas como para a gobernanza pública dos destinos.

Esta segunda xuntanza deu continuidade ao primeiro encontro do grupo, celebrado en maio de 2025 na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A participación de Ribeira Sacra Next permitiu á asociación coñecer de primeira man as propostas do proxecto e compartir este espazo de traballo con outros axentes do sector.
O proxecto POST está liderado polo Eixo Atlántico e conta con entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia. Cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), promove un modelo turístico que contribúa a reducir a presión sobre os destinos máis saturados e a diversificar a oferta nos territorios de interior.
Novas relacionadas

Ver más ➜

Ver más ➜
Asóciate e contribúe ó desenvolvemento da Ribeira Sacra
Ao asociarte, contribúes ao desenvolvemento da Ribeira Sacra e á creación de emprego sostible que fortalece o territorio e dá futuro ás novas xeracións.
Faite socio
Newsletter RSNext
Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades