RIBEIRASACRA_NEXT
Ribeira Sacra Next participa en Valdeorras nunha xornada sobre turismo sostible do proxecto europeo POST

por

RS NEXT

|

03/11/2026

|

general

A vicepresidenta da asociación, Marisol Borrajo, e o membro da directiva Juan Luis Vázquez asistiron en representación de Ribeira Sacra Next ao encontro organizado polo INORDE en Seadur.


Ribeira Sacra Next participou o pasado 29 de outubro na segunda xuntanza do Grupo de Apoio Local do proxecto europeo POST (Turismo Policéntrico Sostible), celebrada na Cova dos Bidueiros, en Seadur, no concello de Larouco. A vicepresidenta, Marisol Borrajo, e o directivo Juan Luis Vázquez representaron a asociación nesta xornada, que reuniu entidades, asociacións, adegas, rutas do viño e empresas do sector turístico.



O encontro, organizado polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), centrouse na presentación e avaliación de ferramentas para avanzar cara a un turismo máis sostible e favorecer a chegada de visitantes aos territorios de interior. A iniciativa busca contribuír a unha distribución máis equilibrada da actividade turística, poñendo en valor o patrimonio e os recursos locais.



Durante a apertura, a xerente do INORDE, Emma González Diéguez, explicou os principais obxectivos do proxecto e o seu alcance para a provincia. A continuación, o equipo de expertos presentou un catálogo de 30 ferramentas de xestión e comunicación destinadas aos axentes turísticos, así como os resultados obtidos no proxecto piloto.

A xornada incluíu tamén un obradoiro práctico no que as persoas asistentes puideron probar estas ferramentas e avaliar a súa utilidade tanto para a xestión das empresas como para a gobernanza pública dos destinos.



Esta segunda xuntanza deu continuidade ao primeiro encontro do grupo, celebrado en maio de 2025 na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A participación de Ribeira Sacra Next permitiu á asociación coñecer de primeira man as propostas do proxecto e compartir este espazo de traballo con outros axentes do sector.

O proxecto POST está liderado polo Eixo Atlántico e conta con entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia. Cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), promove un modelo turístico que contribúa a reducir a presión sobre os destinos máis saturados e a diversificar a oferta nos territorios de interior.


Novas relacionadas

O Foro de Emprendemento e Eficiencia Empresarial reúne as empresas da Ribeira Sacra en Chantada e achega claves para o futuro do territorio
30/10/2026
A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next celebrou este venres, 30 de outubro, no Auditorio Municipal de Chantada, o Foro sobre Eficiencia Empresarial e E

Ver más ➜

Ribeira Sacra Next impulsa unha nova contratación xuvenil a través do programa TR349Z
26/10/2026
A Asociación de Empresarios Ribeira Sacra Next desenvolve unha nova actuación no marco do programa TR349Z, destinada á contratación de persoas mozas insc

Ver más ➜

Asóciate e contribúe ó desenvolvemento da Ribeira Sacra

Ao asociarte, contribúes ao desenvolvemento da Ribeira Sacra e á creación de emprego sostible que fortalece o territorio e dá futuro ás novas xeracións.

Faite socio

Newsletter RSNext

Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades

RIBEIRASACRA_NEXT

Contacto

Horario: Luns a venres: 10h -14h

Teléfono: 672 534 727

Email: Xerencia@ribeirasacranext.gal

Síguenos: