RIBEIRASACRA_NEXT

RSNext - Orixe e Misión

Presentación: As Orixes

A Agrupación de Interese Económico Ribeira Sacra Next constituíase legalmente o 4 xaneiro do 2023, ante notario co obxectivo de unir ao sector empresarial da Ribeira Sacra, tanto da provincia de Lugo como de Ourense. Na primavera do 2025 cambiaríase a forma xurídica e pasa a denominarse Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next.

Do mesmo modo que a Ribeira Sacra se presenta como un territorio único no sector do viño e no sector turístico, a Asociación de Empresas vincula as actividades empresariais das dúas provincias, ao entender que se teñen intereses comúns nun territorio único e que unid@s podemos facer máis forza.

 

A iniciativa prioriza o impulso económico da Ribeira Sacra desde o sector empresarial, aproveitando para unir as dúas provincias como un único territorio desde o punto de vista económico. “Podemos facer da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next un referente de comunidade  xestionando e impulsando xuntos o espazo no que habitamos. Desde os sectores empresariais abrirnos cara o exterior e proxectar cara o futuro a nosa economía”, destácase desde a Asociación.

Primeiras Asembleas

Desde xaneiro de 2023 desenvolvéronse encontros co sector empresarial e con concellos, organismos e outras administracións vinculadas con este territorio. Entidades que coincidían na importancia do paso dado e felicitaban a iniciativa convencidas de que baixo un mesmo paraugas poderanse afrontar intereses, problemáticas e retos futuros comúns.

 

En novembro do 2023 desenvolveuse a primeira asemblea do que daquela era AIE, onde se definiron as primeiras liñas de actuación e constituíuse o Consello de Administración, formado por 15 persoas que comenzaron a traballar para seguir dando forma a esta realidade ilusionante.

Un bautizo espectacular para a Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra

O 2025 marcará un momento fundamental no desenvolvemento deste proxecto. O 13 de febreiro presentábase o Plan Estratéxico da entidade. O acto desenvolveuse no restaurante Don Manuel de Monforte contando coa participación de case 200 persoas, principalmente representantes de empresas e autonónomos/as. Tamén houbo representación das Administracións que colaboran co proxecto, Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Concellos da Ribeira Sacra.

O documento elabourouno a Universidade da Coruña, que desenvolveu o traballo durante boa parte do 2024 a través do contacto cos axentes sociais do territorio. O resultado ofrece interesantes datos económicos e sociais da Ribeira Sacra, que veñen a confirmar a necesidade de agruparse para facer fronte ás necesidades comúns do tecido empresarial.

Así, a Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next terá como misión fomentar a colaboración empresarial na Ribeira Sacra e o seu desenvolvemento económico. Trátase de aunar as vontades empresariais e implicar aos axentes do territorio para crear un sistema de colaboración e intercambio de coñecemento e experiencias para favorecer o desenvolvemento económico. Atender as necesidades de formación e de empego para as empresas será un piar fundamental da actividade. En abril e maio deste ano o Parador de Turismo de Monforte de Lemos acollería unhas xornadas de traballo con dinámicas de participación grupal para identificar conxuntamente as principais necesidades e prioridades dos socios e do territorio.

Nova Directiva

A locomotora da Asociación segue imparable este 2025 e en xullo comeza a traballar a nova xerencia, unha necesidade prioritaria para a operatividade da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next. Buscábase un perfil moi completo e versátil para facerse cargo dun colectivo que implica a sectores moi diversos. Ao tempo, a xerencia tiña que ter un coñecemento do territorio e compartir a ilusión por este proxecto que segue materializándose. Dun proceso de selección que levou varios meses, escolleuse a David Diéguez de 34 anos e natural de Lugo. O novo xerente conta cunha interesante experiencia na xestión empresarial e na banca, ademais de dinamizar e promover asociacións de diversos sectores.

En setembro a Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next iniciou proceso electoral para elexir unha xunta directiva oficial e tamén neste mes se habilitou a nova web da asociación, unha plataforma na que coñecer polo miúdo ás empresas asociadas e as actividades e proxectos nos que traballa o colectivo.

 

Na actualidade integran a AIE Ribeira Sacra Next máis de 80 empresas que suman máis de 600 traballadores e unha facturación de máis de 100 millóns de euros. 

Ribeira Sacra: Contexto Socioeconómico

A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next constitúese nun territorio que hoxe integran 26 concellos, entre as provincias de Lugo e Ourense. Estamos falando dunha poboación que rolda os 70.000 habitantes e a maioría concéntranse nos municipios de Monforte de Lemos, Chantada e Pereiro de Aguiar.

 

O 28 de outubro de 2022, El Progreso publicaba que a idade media na Ribeira Sacra alcanzaba os 54,65 anos e referíase só á parte da provincia de Lugo. Os datos na parte ourensá non son mellores. Á dispersión da poboación e ó envellecemento, súmase a sangría demográfica, perda constante de poboación por falecemento e porque a xente nova se vai do territorio, como se a Ribeira Sacra non tivese posibilidades de futuro, como se no presente non houbera opcións.

En abril do 2019, La Región publicaba “En 22 anos perdéronse case vinte mil habitantes (19.353) nos 21 concellos (as últimas incorporacións de municipios de Ourense suman 26), unha cuarta parte do seu censo. E aínda que este non foi un caso illado, xa que a perda de poboación foi un goteo constante en toda Galicia, este territorio sufriuno a maior velocidade. As cifras do mercado de traballo tamén se escriben en vermello. Todos os concellos perderon afiliacións á Seguridade Social, o que se traduce nunha destrución de máis de 2.200 postos de traballo só no últimos dez anos”.

Os datos son devastadores, só nun sector económico que decidiu asociarse, o sector do viño, as cifras melloraron desde a constitución do C.R.D.O.R.S. no 1996. Aumentou o número de hectáreas cultivadas, duplicouse o número de viticultores, duplicouse o número de adegas e na vendima pasaron de recolleitarse pouco máis de 2 millóns de quilos a 6 millóns de quilos.

Cal é a situación? Que podemos facer? Fagámolo

 

Como empresas, autónomas/os, emprendedoras/es, dinamizadores económicos deste territorio, que podemos facer para mellorar? Desde a economía, desde o sector empresarial, reverter en melloras para a sociedade e por extensión, melloras para o territorio.

 

Fagámolo, unámonos como agrupación, configuremos unha comunidade que impulse a economía e nos proxecte cara o futuro.

Os estatutos da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next recollen que o obxecto da Asociación é a xestión e promoción dos intereses comúns dos diferentes sectores empresariais, ofrecer servizos relacionados co territorio Ribeira Sacra, prestar servizos auxiliares que melloren as actividades dos socios….

Desenvolvendo estas funcións perséguese crear sinerxias empresariais para valorizar os recursos, as persoas e o medio ambiente, o que conseguiría un desenvolvemento socioeconómico sostible da Ribeira Sacra. Potenciamos a cadea de valor para favorecer o tecido económico do territorio e da poboación residente, ofrecendo unha imaxe integradora e unitaria da RIBEIRA SACRA para mellorar o seu nivel de vida actual e atraer a novos residentes e investidores.

Para que empresas e autónomos/as poidan adaptarse nun mundo tecnolóxico cada vez máis cambiante, a Asociación propón deixar de pensar de modo individual e pensar como comunidade. O obxectivo é tecer redes e crear simbioses para entre todos/as conseguir que este territorio teña futuro e ser capaces de facer fronte aos retos, desde a unidade. Non agardando que as solucións nos veñan dadas de fóra.

Newsletter RSNext

Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades

RIBEIRASACRA_NEXT

Contacto

Horario: Lunes a viernes: 10h -14h

Teléfono: 672 534 727

Email:  Xerencia@ribeirasacranext.gal