por
|
|

O presidente da Asociación de Empresarios da Ribeira Sacra, Severino Rodríguez, foi o encargado de recoller e poñer en común as principais conclusións do Foro de Vivenda Ribeira Sacra 2026, celebrado hoxe, 19 de xuño, nunha xornada na que participaron e acompañaron á entidade representantes das administracións públicas, empresas, profesionais, propietarios, entidades sociais e distintos axentes que interactúan no territorio.
No nome da Asociación de Empresarios da Ribeira Sacra, Rodríguez quixo trasladar o seu agradecemento a todos e todas as participantes, entidades, institucións e persoas colaboradoras que fixeron posible a celebración deste encontro. Así mesmo, destacou o apoio e a implicación dos diferentes axentes do territorio, cuxa presenza permitiu construír un espazo de reflexión compartida arredor dun dos grandes retos da comarca: a dificultade para activar o amplo parque inmobiliario baleiro, ruinoso ou infrautilizado existente nos seus concellos.

Durante o encontro púxose de manifesto que a vivenda é xa unha infraestrutura esencial para o desenvolvemento económico, social e territorial da comarca. Segundo as conclusións expostas no foro, a Ribeira Sacra conta cunha realidade complexa: 26 municipios moi diversos, arredor de 70.000 habitantes, unha poboación en declive e unha importante bolsa de inmobles percibidos como baleiros, malia que moitos propietarios os manteñen con usos puntuais ou como segunda residencia.

As intervencións coincidiron na necesidade de situar a rehabilitación e a reutilización do patrimonio residencial existente no centro das políticas públicas. O obxectivo non pasa unicamente por construír máis vivenda, senón por activar de maneira intelixente as casas e edificios xa existentes, favorecendo o alugueiro accesible, a chegada de novos residentes, a fixación de poboación e a cobertura de postos de traballo en sectores clave como os coidados, a construción, os servizos, a agricultura, a agroalimentación ou o turismo.

Unha das propostas principais foi a creación dunha oficina territorial da vivenda e da rehabilitación da Ribeira Sacra, concibida como unha estrutura técnica estable capaz de identificar inmobles baleiros, acompañar os propietarios, coordinar administracións, localizar financiamento público e privado e avaliar os resultados das políticas postas en marcha. Esta ferramenta permitiría tamén evitar duplicidades administrativas e ofrecer apoio aos concellos con menor capacidade técnica.
O foro subliñou ademais a importancia dunha gobernanza coordinada entre administracións públicas, empresas, propietarios, profesionais e entidades sociais. Tamén se destacou a necesidade de incorporar unha mirada cualitativa sobre o territorio, tendo en conta a cultura local, as formas de habitar, as dinámicas comunitarias e a perspectiva de xénero, especialmente no relativo aos coidados e á permanencia das mulleres no rural.

Na clausura, Severino Rodríguez incidiu en que a Ribeira Sacra precisa “facer algo distinto” ao realizado ata agora e iniciar un camiño compartido, con consenso, capacidade técnica e colaboración institucional. Neste sentido, agradeceu novamente o apoio de todos os axentes implicados e apelou á súa colaboración para abordar con contundencia un problema que condiciona o futuro da comarca.

O foro rematou coa idea de converter a vivenda nun elemento estratéxico para facer da Ribeira Sacra un territorio máis vivible, cohesionado, atractivo e con futuro, poñendo en valor o traballo conxunto de todas as persoas e entidades que contribuíron a facer posible esta xornada.
Novas relacionadas

Ver más ➜

Ver más ➜
Asóciate e contribúe ó desenvolvemento da Ribeira Sacra
Ao asociarte, contribúes ao desenvolvemento da Ribeira Sacra e á creación de emprego sostible que fortalece o territorio e dá futuro ás novas xeracións.
Faite socio
Newsletter RSNext
Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades