por
|
|

O noso secretario, Héctor Silva, levou a voz das empresas da Ribeira Sacra á conversa «Catro territorios. Unha conversa sobre Galicia», no peche dun programa que pasou en xuño por Sober.

Dende a Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next participamos o pasado venres 6 de novembro no encontro «Unha visión empresarial para Galicia. Do territorio a unha axenda compartida», a xornada de peche do programa Geografía Empresarial, impulsado polo Círculo de Empresarios de Galicia no marco de Capacita Directivos 2026 e co apoio do Igape. O encontro celebrouse na sede do Círculo en Vigo.
Ao longo de 2026, Geografía Empresarial percorreu catro territorios galegos —Sober, Tui, Boiro e San Cibrao das Viñas— para escoitar ás empresas e aos axentes económicos de cada zona. A Ribeira Sacra foi un deles: o pasado mes de xuño acolleu en Sober o encontro «Viticultura de valor e marca territorial. Ribeira Sacra: competir dende a orixe», no que tamén estivemos presentes. Esta xornada final tiña como obxectivo poñer en común as aprendizaxes deses catro territorios e identificar as fortalezas, os obstáculos, as conexións e as prioridades para o futuro empresarial de Galicia.
A xornada abriuse coa intervención de María Borrás, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, e Norberto Penedo, director de Competitividade do Igape, baixo o título «Unha ruta para entender mellor Galicia».
Na segunda das conversas, «Catro territorios. Unha conversa sobre Galicia», participou o noso secretario, Héctor Silva, xunto a Marta González, responsable de Desenvolvemento de Negocio de Plaintec, e Aníbal Blanco, administrador de Transportes Aníbal Blanco. A conversa estivo moderada por Alejandra Alonso, de Torres y Carrera.
Na súa intervención, Héctor Silva trasladou a realidade e as necesidades do tecido empresarial da Ribeira Sacra e puxo en valor o papel do territorio e das súas empresas na construción dunha visión empresarial compartida para Galicia.
O programa completouse coas conversas «Crecer dende Galicia» e «Galicia, un territorio que se proxecta», nas que participaron representantes de empresas como Delta Vigo, Pérez Rumbao, Roberto Verino, Congalsa, RC Celta, Legados, Terras Gauda e Hermasa, e cun diálogo final aberto arredor dunha pregunta común: que Galicia empresarial queremos construír?

Para nós, a presenza nestes foros é fundamental para que a Ribeira Sacra forme parte das conversas nas que se debuxa o futuro económico de Galicia. Compartir espazo con empresas e organizacións doutros territorios permítenos achegar a nosa visión, aprender doutras experiencias e seguir tecendo rede para as nosas empresas asociadas.

Dende Ribeira Sacra Next seguiremos traballando para que a voz das empresas da Ribeira Sacra estea presente alí onde se toman as decisións, contribuíndo a un territorio máis forte, conectado e competitivo.

Novas relacionadas

Ver más ➜

Ver más ➜
Asóciate e contribúe ó desenvolvemento da Ribeira Sacra
Ao asociarte, contribúes ao desenvolvemento da Ribeira Sacra e á creación de emprego sostible que fortalece o territorio e dá futuro ás novas xeracións.
Faite socio
Newsletter RSNext
Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades