RIBEIRASACRA_NEXT
As mulleres empresarias reivindican a súa voz e acción para mellorar a situación socioeconómica do territorio

por

AIE-RSNext

|

15/01/2026

|

general


A xornada de Talento Feminino no Rural que se desenvolveu este 14 de xaneiro no Castelo de Castro Caldelas reuniu a case medio cento de persoas vinculadas coa muller, o emprego, o emprendemento, o medio rural, o sector primario e servizos, o asociacionismo, a empresa ou as administracións.


A iniciativa da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next e a Asociación de Empresarias de Galicia, achegaba a este encontro a 6 mulleres que aportarían a súa experiencia para visibilizar e inspirar o talento e o liderazgo das mulleres emprendedoras e empresarias. Mulleres vinculadas ao rural por orixe, por actividade ou por forma de vida:


  1. Sandra Viñas Diz, CEO de Mare Monte Setas, despois de estar ao cargo de 180 empresas nunha xestoría, hai uns anos comeza desde Sanxenxo coa comercialización de setas frescas en conserva nunha aposta por traballar desde a sostibilidade e o medio rural. Forma parte de numerosas asociacións relacionadas coa muller e o rural.
  2. Raquel Estévez Rodríguez, auxiliar de enfermaría que despois de anos traballando no coidado de maiores e dependentes nas residencias de maiores, no 2018 pon a andar en Monforte de Lemos o centro de día Vida, con 40 prazas para a atención a persoas maiores e con discapacidade desde un trato máis humano e persoal.
  3. Elisa Fernández Ferreiro, educadora e consultora financieira. Traballou como administrativa por conta allea e decide trasladarse a San Xoán de Río polas ventaxas económicas que ofrece o rural e iniciar dede aquí un camiño de emprendemento, acompañar con moitas viaxes e grazas á tecnoloxía a persoas e Pemes que queren coñecer mellor o seu mundo financieiro.
  4. Olalla Cuiña Gómez, primeira presidenta do Consello de Administración do grupo empresarial da familia Cuiña, que xera máis de 400 empregos con empresas como Metaldeza ou Inasus, destinada ao deseño, fabricación e montaxe de fachadas, sendo a encargada de vestir o novo Santiago Bernabeu. Con dous fillos pequenos, explicou a vida como muller no sector industrial internacional, maioritariamente masculino; e a importancia dun equilibrio entre a vida profesional e privada.
  5. Lucía López Sobrado, formouse en veterinaria para aportar máis valor á empresa familiar, Gandaría Puluán en Monforte de Lemos. Achegou a experiencia dunha vida cotiá vinculada ao sector primario e como na actualidade se está innovando e revalorizando o sector agrogandeiro que cada vez reclama máis man de obra. Coa produción das máis de 280 vacas da explotación, Puluán tamén fai queixos macerados con viño Mencía.
  6. Pilar Díaz Vázquez, que no 2000 puxo en marcha en Pantón, a casa de turismo rural Casa dos Muros, repasou a súa traxectoria de emprendedora e as dificultades para encontrar receptividade administrativa e social nos inicios de calquera proxecto. Cun cuarto de século coa casa, a ilusión do emprendemento inicial mantense creando alternativas de lecer experienciais no turismo rural.


Ribeira Sacra Next, que ten na súa esencia a unión socioeconómica deste territorio, aposta pola colaboración nun momento cada vez máis complexo. E esa foi unha das principais conclusións da xornada de Talento Feminino, establecer redes de colaboración e apoio entre as mulleres, que afrontan en calquera espazo empresarial situacións de desigualdade máis ou menos similares. “Ter espazos para o noso propio discurso. Con apoios, as dúbidas e os medos para emprender enfócanse mellor. Encontros para recoñecernos e empoderarnos. O empoderamento medra exponencialmente”, confirmábase así que esta iniciativa seguirá tendo continuidade con diversas fórmulas para seguir tecendo estas redes.



Falando de emprendemento feminino abordouse a falta de confianza e apoios próximos cando se plantexan emprendementos; a burocracia e trámites administrativos que dificultan calquera xestión; a pouca receptividade dos concellos rurais ás innovacións e propostas diferentes, pedindo ás administracións locais que escoiten con máis atención as iniciativas empresariais. As dificultades para comezar de 0 sendo muller no rural a pesar das axudas específicas para o rural e a muller; a complexidade de delegar traballos organizativos cotiás; a conciliación, e sexualización do valor profesional ou os abusos de poder.


Herdamos unha sociedade históricamente masculinizada e na Xornada de Castro Caldelas tamén se repasou a nova realidade da muller ocupando cargos de poder na administración e nas empresas, “Marta Ortega como presidenta de Inditex, dúas conselleiras no sector primario, o 22% de alcaldesas en Galicia e cada vez máis mulleres en postos de representatividade,…sendo cada vez máis nas posicións de liderado podémonos axudar máis”.


A importancia de aceptar o cambio cando se afrontan proxectos e emprendementos e a eliminación de estereotipos sobre o papel da muller nos procesos tecnolóxicos e produtivos, foron outras das importantes cuestións que se puxeron sobre a mesa neste encontro que comezaba coa benvida por parte da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, da Vicepresidenta de Ribeira Sacra Next, Marisol Borrajo e Isabel Álvarez e Gala LLano da directiva de Empresarias Galicia.



Novas relacionadas

Asóciate e contribúe ó desenvolvemento da Ribeira Sacra

Ao asociarte, contribúes ao desenvolvemento da Ribeira Sacra e á creación de emprego sostible que fortalece o territorio e dá futuro ás novas xeracións.

Faite socio

Newsletter RSNext

Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades

RIBEIRASACRA_NEXT

Contacto

Horario: Lunes a viernes: 10h -14h

Teléfono: 672 534 727

Email: Xerencia@ribeirasacranext.gal