por
|
|

Ribeira Sacra Next impulsa o emprendemento escolar con 58 alumnos e alumnas de centros do territorio
O programa Emprendemento na Escola suma xa 10 proxectos empresariais en marcha e celebrou unha sesión formativa no IES Val do Asma de Chantada sobre viabilidade e márketing dixital.
A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next continúa avanzando no desenvolvemento do programa Emprendemento na Escola, unha iniciativa posta en marcha con centros educativos da Ribeira Sacra para achegar ao alumnado os valores, ferramentas e competencias vinculadas ao emprendemento.
Tras unha rolda de reunións cos centros participantes, e á falta de incorporar os datos correspondentes aos Escolapios, o programa conta xa con 58 alumnos e alumnas traballando en 10 proxectos de empresa. Estes proxectos están a desenvolverse en diferentes centros educativos da comarca, co acompañamento do profesorado e do equipo técnico vinculado á iniciativa.
Entre os centros participantes atópanse o Daviña Rei, onde Eva Fernández traballa con 7 alumnos nun proxecto; o centro de O Saviñao, con Esther Rodríguez e 8 alumnos nun proxecto; o IES Val do Asma, con Elena Cuiña e 8 alumnos nun proxecto; o Guillelme Brown, onde Emilio Pérez acompaña a 10 alumnos en 2 proxectos; o CPR La Purísima, tamén con Emilio Pérez, con 17 alumnos en 3 proxectos; e o centro Torre de Lemos, onde Ángel Dapena traballa con 8 alumnos en 2 proxectos.
No marco desta iniciativa, o martes 28 de abril de 2026 celebrouse no IES Val do Asma de Chantada unha sesión formativa presencial dirixida ao alumnado participante. A actividade, solicitada pola profesora Elena Cuiña, centrouse en cuestións prácticas relacionadas coa análise de viabilidade de proxectos emprendedores e cos fundamentos do márketing dixital.

Durante a sesión, as rapazas e rapaces puideron coñecer, da man de profesionais especializados no asesoramento a empresas, aspectos clave para transformar unha idea inicial nun proxecto viable. Tamén se abordaron ferramentas e criterios básicos para comunicar unha iniciativa empresarial, definir o seu público obxectivo e achegarse aos potenciais clientes a través das canles dixitais.
Estes contidos serán de especial utilidade para o alumnado á hora de avanzar nos seus proxectos de emprendemento escolar, que constitúen o eixo central do programa. A través deste proceso, os estudantes teñen a oportunidade de crear a súa propia empresa educativa, reproducindo os pasos que serían necesarios para poñer en marcha unha empresa real.

Desde Ribeira Sacra Next destacan que esta iniciativa non só permite achegar o mundo da empresa ás aulas, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento de competencias transversais como o traballo en equipo, a creatividade, a toma de decisións, a comunicación ou a capacidade de resolver problemas.
Nas vindeiras semanas poderían celebrarse novas sesións presenciais noutros centros participantes, co obxectivo de seguir acompañando ao alumnado no desenvolvemento dos seus proxectos e reforzar a conexión entre o tecido empresarial da Ribeira Sacra e a comunidade educativa.
Novas relacionadas

Ver más ➜

Ver más ➜
Asóciate e contribúe ó desenvolvemento da Ribeira Sacra
Ao asociarte, contribúes ao desenvolvemento da Ribeira Sacra e á creación de emprego sostible que fortalece o territorio e dá futuro ás novas xeracións.
Faite socio
Newsletter RSNext
Subscríbete á nosa newsletter para estar ao día das nosas novidades